top of page
  • pitacloritos

Xeo-ruta polo Monte Pindo



Antes das vacacións de Nadal, o profesor de Bioloxía e Xeoloxía, xunto co alumnado do Club de Ciencia de 3º de ESO, organizaron unha "xeo-ruta" polo Monete Pindo. A seguir, reproducimos a reseña da actividade que se colgou na web do centro:


O luns 21 de decembro tivemos a oportunidade de desenvolver co alumnado de 3º ESO unha "xeo-ruta" pola contorna do noso centro educativo; nin a chuvia nin a pandemia da Covid-19 puido frear a súa posta en valor un curso máis. Cumprindo coas necesarias medidas de seguridade (máscara, xel hidroalcólico, ...) e acompañadas/os polo xeólogo Francisco Canosa visitamos catro puntos de elevado interese xeolóxico:


A primeira parada foi en Quilmas, ao carón do cemiterio, desde onde aproveitamos a facer unha subida (breve pero abrupta) polo Monte Pindo. Detivémonos en diferentes puntos onde se explicaron diversos aspectos da xeoloxía xeral e dos aspectos xeolóxicos propios do Monte Pindo. Así, após unha breve explicación sobre o tempo xeolóxico e a súa comparativa coa escala temporal humana tocou un repaso sobre os tres principais tipos de rochas (magmáticas, metamórficas e sedimentarias). A partir dese momento momento, o noso xeólogo guía explicou o proceso de formación das pedras cabaleiras (que ao contrario do que moita xente pensa , fórmanse por axentes xeolóxicos internos), das cacholas (ou tafoni, que poden semellar niños de abella), das pías (gnammas, no seu termo científico) e outras formas caprichosas. Tamén lle quedou tempo para explicar as diferenzas entre o granito rosado e o granito máis branco que se observa neste macizo que se atopa á beira do atlántico.


A segunda parada foi na zona do Faro de Lariño (A Parronda e o Leiradal) onde puidemos ver a plataforma de abrasión que pola zona da Costa da Morte soe recibir o nome de coído (praia de rochas redondeadas). Fran tamén nos explicou como o nivel do mar non sempre estivo como o está actualmente e outras cousas moi curiosas como os pés de pito (unha forma na que se pode presentar o mineral andalucita nas zonas de contacto entre unha rocha magmática como o granito e unha metamórfica como o xisto) ou como podemos ordear certos acontecementos xeolóxicos no tempo (datación relativa).


A terceira parada foi no Montelouro, polo que agora xa sabemos que o Montelouro é un inselber ou "monte illa" que se formou como resultado de ser máis resistente á erosión costeira que os seus laterais, posiblemente debido á cantidade de sílice coa que conta. Tamén podemos dar unha explicación ao proceso de formación da lagoa de Xalfas, onde as correntes mariñas do sur xogaron un papel moi importante xa que depositaron sedimentos que foron formando unha barra de area, cercando un espazo que permitiría a acumulación de auga doce procedente de diversos regatos como o Longarela. En ocasións, a cantidade de auga acumulada provoca a rutura do ingüeiro (zona que conecta a lagoa co mar) permitindo a saída da auga e ocasionando un fenómeno espectacular que xustamente tivo lugar días atrás. Para a nosa tristeza Fran explicounos que a evolución xeolóxica da lagoa é desaparecer, como consecuencia da colmatación da mesma polos sedimentos aportados polos propios regatos que a crean.


A cuarta e derradeira parada tivo lugar na praia de Mar de Lira, onde puidemos observar a area tan característica que alí se atopa. Para tal fin, Fran trouxo consigo unhas lupas que -sempre previa hixienización- permitiron ao noso alumnado observar un espectáculo (diminuto) de cores dos diferentes minerais que compoñen esa area (granates, epidotas...) procedentes das rochas que forman o litoral de Carnota e que se depositan en maior cantidade nesta zona xa que as correntes de auga perden capacidade de transporte ao ser unha zona máis tranquila. Incluso poidemos observar a estratificación da area en zonas máis claras e máis escuras relacionadas cos periodos de calma e temporal, respectivamente.


Moitas grazas ao alumnado e profesorado que participou na xeoruta e a Fran por compartir tantos coñecementos con nós. Agardamos poder repetir a experiencia outro curso.










13 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page